Thursday 28 de March de 2024

O DOG publica o primeiro PXOM de Fisterra, que busca preservar o seu patrimonio natural e cultural nos próximos 12 anos


O novo documento é o resultado de case dúas décadas de traballo e substituirá ás normas subsidiarias de planeamento que rexían no concello desde 1996 para outorgarlle seguridade xurídica ao concello desde o punto de vista urbanístico e garantir un desenvolvemento sustentable, serio e ordenado do seu territorio
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de Fisterra, o primeiro co que contará este concello coruñés e que substituirá ás normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1996 co fin de outorgarlle seguridade xurídica, garantir un desenvolvemento serio e ordenado do seu territorio e protexer á vez o seu patrimonio durante os próximos 12 anos.

Con este anuncio, dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do novo plan xeral no Boletín Oficial da Provincia e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cómpre lembrar que hai un mes a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asinou a orde de aprobación definitiva do PXOM de Fisterra, que lle dará un novo marco legal ao concello en base ao cal planificar a evolución do municipio ata o ano 2031, outorgándolle seguridade xurídica desde o punto de vista urbanístico e coherencia coa realidade do seu territorio, cunha superficie de case 30 quilómetros cadrados e 4.700 veciños.

Así e tendo en conta que o 92% do termo municipal está catalogado como solo rústico, entre os principais obxectivos do plan a conservación dos actuais núcleos rurais de poboación, respectando o crecemento que se foi producindo nas contornas das zonas tradicionais; e a preservación dos valores naturais, culturais e patrimoniais que distinguen a este concello, protexéndoos particularmente daqueles usos que poidan degradar, sobre todo, os seus espazos naturais e paisaxísticos.

En sintonía co obxectivo anterior, o novo documento aspira a ser unha ferramenta útil para frear a dispersión edificatoria e consolidar ás áreas xa construídas e os núcleos de poboación existentes. Deste xeito, o PXOM pretende fomentar o desenvolvemento arredor das áreas xa consolidadas, sempre cun criterio realista e acorde coas previsións de crecemento a futuro de Fisterra.

Estes obxectivos complementaranse a nivel urbano coa conservación do patrimonio xa construído, de xeito que se aposta pola rehabilitación e a recuperación de espazos urbanos relevantes, de elementos arquitectónicos singulares e das tramas tradicionais existentes no casco histórico. Así mesmo, tamén se prevé completar as estruturas urbanas de Sardiñeiro e A Anchoa, cuxo crecemento deu lugar á formación de bolsas de solo vacante.

Grazas á súa nova ordenación urbanística, o concello tamén aspira a resolver algunhas carencias desde o punto de vista dotacional. Para iso, prevé que en todas as zonas de novo desenvolvemento urbanístico deberanse reservar espazos destinados a zona verde, equipamentos, aparcadoiros e demais servizos públicos. Por último, en materia residencial, o PXOM prevé un crecemento máximo durante os próximos anos de 1.531 vivendas novas.

Máis dun cento de concellos co PXOM aprobado
Nestes momentos son xa 104 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. Así mesmo, cómpre precisar que 74 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 16 deles só no que vai da presente lexislatura, que comezou no ano 2016.

O traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos 10 anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final acadar que en Galicia non haxa ningún concello sen PXOM. Neste sentido, cómpre lembrar a aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; a posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e dos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes, que empezarán a redactarse este ano; ou o impulso á nova Lei de Ordenación do Territorio, un texto que, previsiblemente, entrará no Parlamento a finais deste mesmo ano.